Unha proposta diferente de achegar a obra de Manuel María no ano que se lle adica o Día das Letras Galegas.
O próximo venres 1 de abril ás 19 hrs. o Centro Social Polivalente de Brión acolle a estrea do espectáculo de monicreques Os soños na gaiola, producido por Títeres Alakrán e dirixido polo dramaturgo Roi Vidal.
A obra está destinada a un público infantil e familiar e déixase levar polo influxo de Alicia no país das marabillas de Lewis Carrol para ofrecer unha mirada nova sobre os poemas do libro Os soños na gaiola, co obxectivo de lles achegar aos máis cativos o mundo rural da infancia do poeta chairego.

Esta adaptación de Os soños na gaiola constitúe, ademáis dunha homenaxe a Manuel María, unha forma distinta de achegar a súa palabra poética, grazas aos recursos escénicos e dramatúrxicos que proporciona o teatro de títeres. Na obra, o propio Manuel María transfórmase en monicreque para interactuar cos nenos. Destaca ademáis a forte presencia da música, grazas a cal poemas como O Soñador, Galicia ou O Río convértense en cancións.

O espectáculo comeza co titiriteiro chegando á vila cunha gaiola cargada de soños, onde representará os poemas para divertir aos nenos galegos. Serán eles quenes coa súa participación farán posible o nacemento de Alicia, a nena protagonista desta historia. Alicia vivirá unha serie de fantásticas aventuras na súa viaxe por un mundo que lle resulta exótico e estraño. No seu camiño atopará toda unha galería de personaxes marabillosos e sorprendentes que lle irán dando pistas sobre Galicia. A través de adiviñas misteriosas e versos poéticos Alicia vai ter que descifrar que diantres é Galicia e onde está agochada…

Próximas actuacións
Os soños na gaiola de Títeres Alakrán poderá verse nos vindeiros días na Mostra Titiritando de Emoción de Ribeira, en Pontevedra dentro das actividades do Correlingua, e en Cambre, Fisterra e Redondela dentro do ciclo Cultura no Camiño.
Os soños na gaiola é unha produción de Títeres Alakrán, a compañía do titiriteiro, actor e escultor Borja Insua, cunha traxectoria de máis de quince anos como constructor, manipulador e creador de espectáculos no teatro profesional de títeres. A dirección de escea corre a cargo do dramaturgo, poeta e crítico teatral Roi Vidal, do que destaca a dirección teatral das pezas Matilde, Faraoas, Operación Triunfo e Illa/Ollo; a biografía de Roberto Vidal Bolaño Fóra de Portas; o libreto Bailadelas. Mulleres Bolañesas e a realización do documental escénico Rosalías. Unha vida de luces e sombras.