A PITA XEFA

Unha adaptación da obra de Marta Lado, A Pita Xefa, editada por Baía Edicións.

Obra gañadora do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2021).

Unha pequena pita cun soño pode facer moitas cousas: salto de lonxitude, bailar claqué… pero, sobre todo, pode conseguir o máis importante: mudar as normas do galiñeiro!

Títeres Alakrán adapta ao teatro de títeres a premiada e orixinal historia de Marta Lado editada por Baía Edicións, que anima a cuestionarse dun xeito divertido os esquemas sexistas dominantes.

FICHA TÉCNICA

  • Duración: 45 minutos.
  • Público: Familiar. Especialmente indicado para alumnas e alumnos de Educación Infantil e Primaria.
  • Escenografía, monicreques e interpretación: Borja Insua.
  • Texto orixinal: Marta Lado.

O xurado do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade recoñeceu así a obra A Pita Xefa de Marta Lado:

“A temática axústase estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos.
Enmárcase nun mundo animal-natureza co que é doado que se identifiquen as lectoras e lectores aos que vai dirixida, considerando un acerto o emprego da imaxe do galiñeiro, que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, piramidal e dominada polo galo.
Abre a porta a unha mudanza dos comportamentos establecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo e tratando á rapazada con intelixencia. Anima a romper cos esquemas sexistas dominantes, pon de manifesto a utilidade da unión e anima a loitar por un obxectivo igualitario (…)”.