OS SOÑOS NA GAIOLA

Os soños na gaiola de Manuel María é unha obra de monicreques para público infantil e familiar que supón a homenaxe que Títeres Alakrán e o dramaturgo e director Roi Vidal lle queren facer ao poeta Manuel María no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. O espectáculo déixase levar polo influxo de Alicia no país das marabillas de Lewis Carrol para ofrecer unha mirada nova sobre os poemas do libro Os soños na gaiola co obxectivo de lles achegar aos máis cativos o mundo rural da infancia do poeta chairego. Un mundo que á pequena Alicia, unha nena urbana da actualidade, lle resulta extraño, mais que acabará comprendendo e amando.

cartel_soños_mail

SINOPSE

O titiriteiro chega á vila cunha gaiola cargada de soños. Acompáñao o poeta Manuel María transformado en monicreque. Manuel María quere que o titiriteiro represente os poemas que el escribiu para divertir aos nenos e nenas galegos. Para facelo, o titiriteiro pídelle aos integrantes do público que sopren forte para lle axudaren a facer nacer a Alicia, a nena protagonista desta historia.


Alicia vivirá unha serie de fantásticas aventuras na súa viaxe por un mundo que lle resulta exótico, extraño, e mesmo imcomprensible. Ao comezo da súa andaina, Alicia tópase co Río Miño, que ten présa por realizar a importante misión que lle encomendada: atravesar Galicia antes de chegar ao mar. Pola confusión do nome, O Río Miño intenta atravesar a Alicia, mais ela acláralle que para ser Galicia lle faría falta un G que non ten.
A partir deste momento, e subida no pequeno Barco de Xoguete Voador, Alicia intentará axudar ao Río Miño a encontrar a esa Galicia que tanto busca. No seu camiño atopará seres extraños como o Gaiteiro Soñador, o Muíño Triste, os Labregos Xemelgos ou o Galo Gai, e toda unha galería de personaxes maravillosos e sorprendentes que lle irán dando pistas sobre Galicia. O único problema é que a maioría destas pistas son adiviñas misteriosas ou versos poéticos que Alicia vai ter que descifrar para saber que diantres é Galicia e onde está agochada…

FICHA

Título: Os soños na gaiola
Xénero: Técnicas variadas e actor
Público: infantil, xuvenil e familiar
Duración: 50 minutos
Formato: mediano
Dirección e dramaturxia: Roi Vidal Ponte
Escenografía e Manipulación: Borja Insua Lema